As Viaxes De GutBer en 2025
- GutBer English

- Dec 30, 2025
- 4 min read

Este ano 2025 foi movidiño para As Viaxes de GutBer na Coruña, tanto en termos de viaxes reais como de experiencias vitais e éxitos académicos. Botemos unha rápida ollada ao ano que acaba de rematar!
Comezamos o ano no Reino Unido, visitando Birmingham e revisitando lugares da nosa infancia. Alí coñecemos a Mr. Fox e aproveitamos a oportunidade para visitar Stratford-upon-Avon, o lugar de nacemento de William Shakespeare, a unha curta viaxe en tren dende Birmingham. Vimos as fermosas casas de estilo Tudor, o lugar de nacemento de Shakespeare, a súa escola, a casa de campo da súa muller Anne Hathaway e moito máis. Tamén tivemos o privilexio de asistir a unha representación de Noite de Reis (Twelfth Night) no Royal Shakespeare Theatre con Sam West como Malvolio e membros da Royal Shakespeare Company (RSC). Un soño feito realidade para comezar o 2025. De volta en Londres, paramos no Globe Theatre, en Southbank, e asistimos á pantomima obrigatoria nun teatro recóndito do West End, onde fixemos unas boas risas.
Pouco antes da Semana Santa, volvemos á capital para ver a Brian Cox (Succession) no Theatre Royal Haymarket no papel principal de The Score, unha auténtica clase maxistral de interpretación nunha obra relevante sobre o absurdo e a traxedia da guerra. Continuando con esta temática, pero co pano de fondo dos acontecementos relacionados coa Segunda Guerra Mundial, o National Theatre tamén nos deu a oportunidade de ver a Juliet Stevenson na última obra de David Lan, The Land of the Living.
Visitamos Bath, a cidade dos baños romanos, en varias ocasións para seguir a tempada de Ralph Fiennes, que se representou no Theatre Royal Bath entre xuño e outubro deste ano. Alí, presenciamos as estreas mundiais das últimas obras de David Hare (Grace Pervades, que se estreará no West End de Londres en abril de 2026) e Rebecca Lenkiewicz (Small Hotel, protagonizada por Francesca Annis), así como o debut como director de Fiennes con As You Like It de William Shakespeare, protagonizada por Harriet Walter. Gozamos da cidade e da súa abadía, da súa arquitectura xeorxiana, da súa fermosa contorna e da amabilidade da súa xente, e tamén celebramos o 250 aniversario de Jane Austen con grande estilo.
Isto levounos a rematar o ano de volta na zona, esta vez en Bristol, desde onde viaxamos a Gales para breves visitas a Cardiff e Newport, as cidades do sur máis próximas a Inglaterra, así como a Bradford-on-Avon para ver a igrexa saxona e outros restos medievais que alí se conservan. Tamén visitamos monumentos medievais en Reading e Salisbury nas viaxes en tren de ida e volta á rexión. De volta a Londres, a visita obrigada ao teatro levounos de volta ao National Theatre, onde disfrutamos de End, a última obra de David Eldridge protagonizada por Saskia Reeves (Slow Horses) e Clive Owen. Por suposto, unha pantomima era imprescindible, así que nos despedimos de Londres por esta vez asistindo a The Play That Goes Wrong, antes de volver a casa para afrontar o 2026 con enormes sorrisos e enerxías renovadas para rematar o ano con todos vós e os vosos novos éxitos.

No verán, puidemos reencontrarnos con tódalas ramas da familia: a australiana, a británica e a gallega (da Coruña), na histórica cidade de Winchester, antiga capital do reino medieval de Wessex. Foi unha reunión inesquecible nun escenario abraiante onde puidemos poñernos ao día e permitir que as xeracións máis novas se coñecesen en persoa. En Winchester podemos ver a histórica catedral e a estatua do Rei Artur, pero tamén se nos brindou a ocasión de viaxar nun clásico Bentley! De volta en Londres aproveitamos para ver o musical do Live Aid (Just For One Day), a Imelda Staunton (Harry Potter) en Mrs. Warren’s Profession e volver ao noso querido Globe Theatre para ver As alegres comadres de Windsor.
Ademais de todas estas viaxes no espazo, tamén viaxamos lingüisticamente cos nosos cursos de sintaxe inglesa e inglés xurídico, e estamos moi orgullosos de ver que todo o noso alumnado que decidiu facer un exame oficial este ano superou con creces as nosas expectativas. Un vez máis, tivemos unha taxa de aprobados do 100 % nos exames de sintaxe en varias universidades e en inglés xurídico, así como en todos os niveis, dende o B1 ata o C2, tanto en exames escolares como para adultos, de Cambridge e da EOI (Escola Oficial de Idiomas). Algúns de vós fixestes un esforzo extra ao aprobar estes exames á vez que vos preparabades para as probas de acceso á universidade, emprendendo así un novo paso na vosa viaxe persoal, que estamos seguros que estará chea de éxitos.
Como vedes, foi un ano cheo en todos os sentidos. Grazas por deixarnos acompañarvos na vosa viaxe vital e na vosa aprendizaxe do inglés. Non poderiamos ter pedido mellor compañía para afrontar xuntos un próspero 2026!

GutBer English é unha academia de inglés no centro da Coruña con máis de 20 anos de presenza na ciudade e varias xeraciós de alumnos que teñen saído das nosas aulas dominando o idioma inglés e certificando o seu nivel cun diploma oficial que lles ten aberto as portas do mundo laboral e académico. Únete aos nosos grupos de inglés de Infantil e Primaria, ESO, Bachalerato ou adultos, ou participa nos nosos cursos online de Legal English (inglés xurídico) para TOLES e de Sintaxe Inglesa para universitarios.







































Comments